miércoles, 13 de enero de 2021

Os programas Europeos no IES XESÚS TABOADA CHIVITE: O Erasmus+ KA1

O IES Xesús Taboada Chivite cuxa andadura comezou no curso 1975-6, conta na actualidade con 57 profesores/as e 450alumnos/as dos cales un 10% pertence a minorías étnicas e un 5% a inmigrantes.  

Esta diversidade coa que contamos non só se refire ás condicións socioculturais do alumnado senón tamén a diferenza de capacidades, necesidades e intereses e constitúe unha dos nosos sinais de identidade. Para nós, os docentes, atender a esta diversidade é un dos obxectivos prioritarios e por iso perseguimos ofrecer ao noso alumnado os recursos necesarios para que, independentemente das súas circunstancias persoais, sociais, culturais e étnicas, logre o desenvolvemento integral de toda a súa potencialidade.


No contexto no que nos desenvolvemos vemos a necesidade de abrir os horizontes do noso alumnado máis aló da realidade local. Nun centro con tanta diversidade coma o noso, localizado nun contexto rural, onde unha parte do noso alumnado conta con necesidades específicas de apoio educativo ou se atopa nun entorno desfavorecido, a educación inclusiva debe ser un claro referente para poder educar ao noso alumnado de maneira integral.  

 

Tibor Navracsics, Comisario europeo de Educación Cultura, Xuventude e Deporte, manifestou que todo o mundo ten dereito a unha educación inclusiva e de calidade, á formación e ao aprendizaxe permanente para poder manter e adquirir habilidades que lle permitan participar plenamente na sociedade e levar a cabo a súa transición ao mundo laboral con éxito.

 

Esta educación inclusiva e de calidade é o primeiro principio do “piar europeo dos dereitos sociais” adoptado pola Comisión Europea en abril de 2017 para orientar las políticas da UE cara a mellora das condicións laborais e de vida da cidadanía europea. Isto é o que nós queremos lograr para o noso alumnado por medio da internacionalización do centro, a busca de novos ambientes de aprendizaxe para o alumnado de cara o desenvolvemento profesional para os docentes.

O enfoque do noso centro cara a internacionalización fixo necesario que o claustro se formase en programas internacionais. Foi así como o curso pasado iniciamos un Plan de Formación de Profesorado en centros de dous anos de duración e con dúas liñas de traballo: convivencia e inclusión e programas internacionais.  Dentro da liña de programas internacionais desenvolveuse un seminario de 30 horas e un curso de formación no que participou un 25% do claustro. Froito dese seminario xurdiu a idea de solicitar un proxecto de acción clave 1 de mobilidade para a aprendizaxe de persoal de educación escolar (KA101).

 

Tras redactar o Plan de Desenvolvemento Europeo  fixemos unha análise das nosas necesidades para ver en que aspectos podiamos mellorar ou avanzar  a través da participación en Erasmus+.

Reflexionando profundamente en torno as circunstancias que nos acompañan no proceso de ensino-aprendizaxe no noso centro a través de claustros e comisións de coordinación pedagóxicas e observando a nosa realidade chegamos a conclusión de que as nosas necesidades son as seguintes:

·      Diminuír as elevadas cifras de fracaso escolar na ESO, sobre todo entre o alumnado pertencente a minorías étnicas e inmigrantes.

·      Fomentar unha escola inclusiva, potenciando a equidade e a igualdade de xénero de oportunidades así como  a unidade social e a cultura europea.

·      Mellora competencial do noso profesorado en novas tecnoloxías aplicadas na aula: gamificación, aula do futuro, deseño universal de aprendizaxe (UDL), fomento das materias STEAM....

·      Aumento da dimensión europea do centro 

·      Coñecemento doutras realidades organizativas escolares noutros centros europeos.

·      Mellora da competencia comunicativa en lingua estrangeira.

Vistas as nosas necesidades reflexionamos en torno as razóns de porqué as queremos cubrir a nivel europeo. Pensamos que participando en plans de mobilidade de persoal escolar como o KA101 podemos intercambiar experiencias con outros colegas de outros centros europeos que nos axuden a incorporar a diversidade  e a variedade cultural que temos na vida diaria do noso centro de forma que as nosas debilidades pasen de ser un obstáculo a ser un atractivo permitindo a inclusión definitiva de todo o alumnado e o enriquecemento de toda a comunidade educativa.

De igual xeito, o intercambio profesional de metodoloxías permitirá un coñecemento in situ de realidades semellantes ás nosas e como se afrontaron noutros centros europeos coa posibilidade de traelas ao noso centro adaptándoas a realidade en que vivimos. 

O proxecto que presentamos, Opening2Diversity, “abrindo novas metodoloxías: enriquecendo a diversidade” aspira, por tanto, a que nos axude a acceder aos obxectivos marcados na súa dimensión didáctica, de desenvolvemento profesional e tamén na súa dimensión lingüística e comunicativa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Matemáticas no último ano do Bacharelato

Tamén no último curso do Bacharelato, e inda que logo terán uns exames globais nacionais, aquí seguen a traballar moito co gran grupo. De fe...