A aprendizaxe por proxectos é unha das claves do éxito do sistema educativo finlandés, pero, como o levan a cabo para que realmente funcione?
Aínda que no noso país tamén se traballe por proxectos, e mesmo parece que as sucesivas leis educativas están orientadas a que así sexa, son diversas as diferenzas entre un sistema e o outro. Para comezar, en Finlandia a educación por proxectos lévase a cabo desde primaria (7anos) até o último ano de secundaria (18). Canto máis novo é o alumnado, máis horas e máis proxectos se levarán a cabo. Ano a ano, ao aumentar a dificultade dos estudos, vanse aumentando as horas da ensinanza tradicional en detrimento do tempo adicado aos proxectos. Deste xeito, ambos sistemas conviven durante todo o período educativo.
O Ministerio de Educación mostra modelos e ferramentas prácticas para a realización destes proxectos, mais serán os centros os encargados de escoller os temas, tan amplos como desexen, e coas materias que consideren. Logo será o profesorado quen dea forma a ese proxecto desde as diferentes materias e isto verdade reflectido no horario. Durante as horas adicadas ao proxecto as clases participantes (polo xeral son 2 cursos enteiros, por exemplo 1° e 2°) atópanse na mesma aula ou espazo común xunto con todo o profesorado que toma parte do proxecto. Este profesorado marcará unhas pautas básicas de inicio e posteriormente só pode acompañar o alumnado no proceso pero non indicarlle cal ten que ser o resultado.
Na miña opinión este sistema funciona porque non son un par de casos illados, senón que a implementación é a nivel nacional. Por outra banda, podería semellar que isto supón unha carga adicional de traballo para o profesorado, porén, é todo o contrario, a figura do docente acompaña e avalía ao alumnado durante o proceso de aprendizaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario