Empezamos este día como empezariamos todos, cun "wrap-up", unha especie de resumo creativo que nos permite lembrar a información do día anterior e expresala ou poñela en escena dunha maneira creativa (debuxos, contos, actuacións...), sempre desde o punto de vista particular do pequeno grupo co que traballamos.
O resto do día dedicámolo á teoría da identidade e a cultura, explorando tres modelos de identidade e as formas nas que a identidade pode ser tanto latente/oculta como manifesta/visible.
Como actividade práctica, creamos retratos de identidade, outra actividade que me pareceu moi proveitosa para as primeiras semanas do curso. Consistiu en que cada participante debuxase o seu rostro da maneira que cre que a xente o percibe. Logo, ese rostro dividíase en dous. O lado esquerdo debíase pintar e decorar segundo a imaxe exterior, a que se proxecta de fronte ao mundo e a que reflicte nosas propias ideas sobre como a xente nos ve e que opinión ten sobre nós. O lado dereito, porén, debía pintarse e decorarse para reflectir a realidade interna de cada persoa, expresando dalgunha maneira as nosas capas culturais ou o medioambiente psicolóxico que habitamos.
Para concluír, vimos parte dun TED Talk da escritora Taiye Selasi na que Selasi convídanos a reformularnos a nosa identidade "nacional" ou mesmo "multinacional" baseada nun concepto de nación ou estado soberano que realmente só existe desde fai moi pouco e que reflicte unha realidade inventada na que as nacións/países/estados funcionan - do mesmo xeito que as corporacións - como entes/axentes. Segundo Selasi, a vida e a identidade baséanse nas experiencias e toda experiencia é local, polo que debemos pensarnos como entes locais en procesos de intercambio e interacción con outros entes locais.
De forma individual e tomando os conceptos de Selasi como punto de partida, cada persoa escribiu sobre os rituais, as relacións e as restricións que, a nivel local, funcionan como as fontes da nosa identidade. Logo, compartimos algo desta información co grupo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario