Neste primeiro día do curso, empezamos cunha actividade de achegamento para que os membros do grupo que chegaron tarde tivesen a oportunidade de integrarse. Esta actividade tamén serviu para establecer o rumbo do curso en si, prestando a cada persoa a oportunidade de autodefinirse e darse a coñecer nos seus propios termos.
A actividade consistiu en crear un círculo de memoria. Cada persoa tivo de dicir o seu nome, un adxectivo que empezase coa mesma letra do nome de pila e facer un movemento particular que lle definise dalgunha maneira. Logo, as persoas que seguían tiñan que facer o mesmo e lembrar a información de todas as persoas que lle precederon.
De aí, pasamos á avaliación das necesidades e expectativas de cada persoa coa creación dunha árbore de expectativas. Isabel, a coordinadora do grupo, debuxou unha gran árbore na lousa e deu a cada persoa tres post-it de cores distintas para que cada quen puxese o que esperaba conseguir do curso, o que pensaba que podía achegar e tamén o que máis temía.Esta actividade pareceume moi proveitosa para as primeiras semanas do curso, porque, aínda que pode intimidar un pouco permitirse ser vulnerable e expresar temores, dá a sensación a cada persoa de que se lles ve e de que as súas necesidades e punto de vista serán tomados en conta.
Acabamos o primeiro día cun repaso da metodolgía xeral e con dúas últimas actividades moi interesantes.
Na primeira, formamos grupos pequenos para compartir entre nós información sobre a experiencia educativa nos nosos países, enfocándonos en tres categorías: as metodoloxías predominantes que guían o traballo en aula, os desafíos asociados coa diversidade do alumnado e a conexión entre os nosos centros e a comunidade que os rodea. Foi aquí que todos comezamos a entender que, a pesar das nosas diferenzas e particularidades culturais, vivimos experiencias e desafíos moi similares, pero tamén que as nosas formas de lidar con eses desafíos poden ser moi distintas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario